main

ActualidadeOpinión

Política Vivencial

por Abraham Balbino

12399242_487169108120557_1618247593_n.jpg

Poucos xoves da miña idade hai que poida definir como “felices” na súa vida diaria. As parellas coas que teño amizade, quéixanse sempre do mesmo: non lle atopan o sentido, non poden ter un plan de vida.
E os solteiros, outro tanto do mesmo, aínda que nós vivimos máis no presente, temos tamén, cada vez que lanzamos a vista cara adiante, un borrón negro que nos impide ver máis alá do inmediato. Non considero que vivir con esta incerteza sexa digno: temos dereito a poder pensar no futuro. A mocidade evádese desta realidade porque non a soporta, porque non nos deixan ser os protagonistas. Ás veces parece ser que somos marionetas que bailan ao son dun tamborileiro invisible, pero omnipotente.

Cando eu mesmo lanzo a caña de pescar á inmensidade negra que intúo que me agarda, non son capaz de verme cunha profesión. Teño 26 anos. O que equivale a moitos días preparándome para algo que non acabo de distinguir con nitidez. E será que son un romántico, pero opino que unha persoa é o que fai, o que aporta á sociedade. Que hai máis útil que actualizar, modificar a realidade da sociedade para que esta se vexa beneficiada na súa maioría?
Estamos demasiado acostumados a políticos que non ambicionan o poder para deixar un bo legado, o habitual (que non normal) son políticos que se corrompen porque nunca tiveron unha meta máis alá deles mesmos, os seus amigos, familia e conta bancaria. Políticos do aburrido e monótono “Establecido” no que non se podía facer (nin se aspiraba) máis que a ocupar unha cadeira e “deixar a merda correr”.
Pero agora, en que punto estamos?
Os recortes en sanidade e educación, a precarización dos postos de traballo, os rescates a bancos (levados á quebra por familias de poder non só político senón tamén económico) con fondos públicos, a eliminación paulatina do estado de benestar, abríronnos os ollos. Esta sociedade á que nos están levando non é xusta, non é razoable, non é algo que se poida soster no tempo. E aí precisamente é onde radica a importancia de non perder esta conciencia de que nós pintamos algo, de que nós somos quen deciden como se articula, e a favor de quen, esta estruturación concreta do poder chamada Estado e as súas institucións.
Porque como volvamos a sentirnos inútiles, como volvamos a afastarnos do camiño da participación á hora de defender os nosos intereses, morrerá non só unha mobilización social, morrerá tamén a esperanza de recuperar a dignidade humana neste país.
Pretenden amoldarnos a un conformismo que implica a morte da vida tal e como a coñecemos, despidámonos da calidade de vida que tiveron os nosos pais, despidámonos do país que os nosos avós ergueron traballando, emigrando, carrexando anaco a anaco pequenas contribucións ao benestar do que un día disfrutamos e que agora nos queren roubar.
E que non nos confundan estes politicuchos da falsa estabilidade. Foron eles quen comezaron a crise, apostando por un modelo produtivo que sabían que non era sostible. Foron eles cando, á hora de pagar isa mala xestión, preferiron enfrontarse aos seus cidadáns en lugar de facer responder aos seus “importantes” amigos polo desfalco que nos meteran.
E é cando a xente se dá conta do timo, cando poñemos os ollos na política como timón a xirar para poder sacarnos desta tempestade, cando teñen que xurdir os mellores políticos. Xente próxima, que coñeza a vida da maioría, que vivira  viva as mesmas problemáticas, e sexa capaz de pensar en nomes e caras en lugar de unicamente en cifras…

Porque niso é onde se pode distinguir a falsa política da auténtica, en que a primeira tenta marearnos con cifras que nin eles mesmos entenden, como se viu claramente no debate cara a cara entre Pedro Sánchez e Mariano Rajoy. Por isto, e como frase final, deixo caer unha frase que dicía o meu tío avó: “Temos que ver a herba crecer”. Temos que mirar cara o futuro, e comezar, no presente, a darlle forma. Temos que loitar, temos que ser intelixentes, temos que defendernos de tódolos ataques que van a vir.

Porque están en xogo as nosas vidas.